Presentación do Libro Negro da Lingua Galega. Carlos Callón
Hoxe tivemos a sorte de contar co Carlos Callón para presentar o Libro Negro da Língua Galega. A seguir, podes ler unha recensión desta obra, así como as fotos do acto e un vídeo onde fala o propio autor.
Por vez primeira un libro céntrase en recoller e explicar testemuños da
represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de
moitos documentos pouco ou nada coñecidos.Nas súas páxinas abordamos a
crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida,
acreditados desde 1543 até 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos,
pedras nos petos, o método do anel etc. Abrimos un camiño para o estudo
das multas franquistas por "hablar al público en gallego» e das
inspeccións por «exagerado acento gallego". Revoltámonos coa profanación
da lápida de Alexandre Bóveda para lle castelanizaren o nome e
publicamos regulamentos escolares inéditos que perseguían o galego no
século XVIII. Detémonos na negativa do Consejo de Castilla a autorizar
un libro en galego en 1616. Vemos como o director da Real Biblioteca
española no Setecentos decidiu non imprimir as "Cantigas de Santa María"
por achar «extravagancia y mal gusto» a poesía en galego. Asistimos a
queimas de libros e mesmo nos abraiamos ao saber que millares de cartas
do padre Sarmiento acabaron como papel hixiénico. Ollamos o caso do
taxista que perdería o traballo se en 48 horas non rotulaba "Rianjo" no
seu vehículo e lembramos que en 1980 o Ministerio de Educación
expedientaba e exhortaba a «repudiar» o profesorado que ensinaba en
galego sen cobertura legal. Debruzámonos sobre estas e outras 1001 noites
de pedra para así podermos entender como chegamos até aquí e como
podemos gañar o futuro para a lingua que nos une.
Comentarios
Publicar un comentario