Entrevistas a bandas galegas

GRILO

https://www.lavozdegalicia.es/default/2022/11/15/00121668508382500967977/Foto/ON16C8F1_1.jpg

Cando e como decidistes montar a banda?
Grilo formouse no ano 2018 logo de que nós os tres tivésemos xa proxectos anteriores. Adri e máis eu (Alberte) xa coincidíramos noutro grupo, e xunto con Miguel decidimos montar un grupo novo e compoñer cancións novas que nos enchesen e en galego. Sen ningún tipo de pretensión máis que facer música nova e ensinala en directo.


Que influencias musicais tedes?
Temos moitas influencias provenientes do rock e o metal en inglés fundamentalmente. Exemplos poden ser grupos como Rage Against The Machine, os Foo Fighters, Nirvana ou Soundgarden, que comparten entre si o feito de empregar sons propios da década de 1990. A nivel estatal tamén existen grupos como Berri Txarrak, ou no marco galego, no que tamén existen multitude de grupos que fan ou facían rock e metal, como poden ser Nao, Machina, Ruxe Ruxe, etc.


Que representa a língua galega nas vosas cancións?
O feito de decidirmos facer música en galego non é casual. No país no que vivimos, cantar na nosa lingua é unha reivindicación en si mesma. Independentemente da temática das letras, sendo o galego unha lingua minorizada, é necesario que empreguemos a lingua galega en todos os ámbitos posíbeis, desde a nosa vida diaria até series ou películas, e iso inclúe a música, tamén en todos os estilos.
 

Fixemos unha investigación sobre a presenza da música en galego na Radio Galega Música e era marxinal. Os medios públicos deberían divulgala máis?
Sen dúbida. Porén, somos conscientes de que a actual directiva da CRTVG (a pesar de que moitos dos seus traballadores fan moito pola cultura galega tratando estes temas) ten a decisión tomada de non servir de altofalante para a gran maioría de proxectos de música en galego que están a xurdir polo país adiante. É certo que hai presenza, algunhas entrevistas e mesmo actuacións nalgún programa, pero para o potencial que ten o panorama musical galego, é moi testemuñal.


 

Como foi a experiencia de presentar o voso último traballo?
No ano 2022 presentamos dous sinxelos e videoclips. Para nós foi moi importante volver sacar música nova e permitiunos facer unha nova xira por unha serie de salas que nos quedaran pendentes na xira de presentación do noso primeiro disco.


Tedes algún novo proxecto para o futuro?
Xuntarnos e seguir facendo a música que nos gusta, exclusivamente por iso, e se alguén máis lle gusta, mellor que mellor. No último tempo estivemos experimentando co feito de gravarnos nós mesmos e producir nós as nosas cancións sen necesidade de acudir a un estudio de gravación.


Que sería preciso para que medrase o número de bandas que utilizasen o noso idioma?
Nos últimos tempos xa aumentaron os grupos que cantan en galego, e mesmo se demostra que numerosos proxectos que empregan a nosa lingua teñen moito éxito entre o público que chega a coñecelos. Eu penso que sería necesario que se ampliase o público chegando a un maior número de persoas. O exemplo das Tanxugueiras é clave, existen moitos máis proxectos que se fosen capaces de chegar ao gran público, ou mainstream, poderían funcionar moito mellor e difundir desta maneira a utilización do noso idioma entre o conxunto da poboación galega.


Queredes acrecentar máis algunha cousa?
Que moitas grazas por lembrarvos dunha banda de rock coma nós, que é un estilo que aínda que sempre se di que vai desaparecer, segue tendo un público fiel e que agardamos que vos gusten as nosas cancións. E tamén moitas grazas por facer un traballo sobre a música en galego que sirva para que o alumnado do voso colexio saiba que existen todos estes proxectos.

 

 TECOR SOCIETARIO

 https://www.galiciaconfidencial.com/imgpipe/2023_1_17_112965s600x.jpg

Cando e como decidistes montar a banda?
Nós montamos Tecor Societário a finais do ano 2017. Comezamos Iago, que é o gaiteiro, e máis eu que toco a guitarra e canto. A partir dese núcleo fomos incluíndo amigos que vivían máis ou menos pola zona de Compostela. Actualmente somos 6 persoas. Iago (gaiteiro), Cipri (baixo), Roi (acordeón), Marcos (guitarra eléctrica), Ares (bateria) e Xabi (guitarra acústica e voz).

Que influencias musicais tedes?
Por unha banda, estamos influídos polas bandas internacionais que se denominan celtic punk coma The Pogues, Dropkick Murphys ou Flogging Molly. Por outra banda, partimos dos traballos das múltiples bandas galegas que apostaron por mesturar o punk con elementos da música tradicional, tales como Motor Perkins, Ruxe Ruxe, Falperrys ou Bastards on Parade.

Que representa a lingua galega nas vosas cancións?
O galego é a nosa canle de comunicación. Non nos imaxinamos cantando noutro idioma. Alén diso, consideramos que cantar en galego é un acto de liberdade fronte a imposición do español, que sufrimos en distintos ámbitos dentro da nosa vida diaria. 

Os medios deberían divulgar máis a música en galego? 

Pois si, ou iso ou renunciar ao diñeiro que cobran por promocionar a nosa lingua.

Como foi a experiencia de publicar o voso último traballo?
Un pouco estraña. O disco (Caça Maior) foi sacado no medio das restricións Covid e tivemos que esperar bastantes meses para poder presentalo ao vivo.

Tedes algún proxecto para o futuro? 

Pois si, a finais do ano 2023 imos sacar un disco novo de longa duración. Algúns dos temas xa saíron en forma de adiantos e poden escoitarse en aberto en todas as plataformas dixitais.


 

Sería preciso que aumentasen o número de bandas que utilizasen o noso idioma?
Desde logo sería unha boa nova. Con todo, cremos que estamos nun bo momento. Polo que respecta ao punk rock o galego está moi normalizado. Noutros estilos quizais menos mais iso é responsabilidade de cada músico.

Algo a engadir
Máis nada pola nosa parte. Só agradecer o voso traballo por difundir a música da Galiza. Apertas tecorian


UKESTRA DO MEDIO


1. Cando e como decidistes montar a banda?
A Ukestra do Medio nasceu em 2013 numhas aulas de ukulele às que assistiamos na Escola do Medio (Rua do Medio - Compostela). Ali começamos montando versons e quando tivemos um repertório ajeitado lançamo-nos a tocar ao vivo. Pouco a pouco fomos tomando-nos o grupo mas a sério, gravamos algo e começamos fazer as nossas próprias músicas.

2. Que influencias musicais tedes?
Os membros do grupo temos diferentes bagagens musicais e podemos dizer que entre todos somos bastante ecléticos. Gostamos do rock e pop nas suas diferentes vertentes, do country, blues e de músicas tradicionais ou populares de diferentes culturas como a galega e portuguesa, brasileira, mexicana ou doutros países latinoamericanos.

3. Que representa a língua galega nas vosas cancións?
Pois é a língua na que trabalhamos habitualmente. A comunicaçom interna e para fora do grupo é sempre em galego e quando começamos fazer músicas próprias sairom em galego de forma natural. Somos conscientes de que é umha língua minorizada e que hai que fazer todo o possível por defendê-la e normalizá-la. 

4. Fixemos unha investigación sobre a presenza da música en galego na Radio Galega Música e era marxinal. Os medios públicos deberían divulgala máis?
Com certeza. Os meios públicos galegos forom criados para defender a língua e cultura do país e nom estám a cumprir essa funçom. 
 

 
 
5. Como foi a experiencia de presentar o voso último traballo?
Sempre é gratificante publicar um novo trabalho e ir por por aí para tocar e apresentá-lo. Tocamos polo país adiante e a resposta foi sempre boa. Houvo concertos com mais ou menos gente mas sempre tivemos um bom feedback e vendemos discos.

6. Tedes algún novo proxecto para o futuro?
Sempre estamos pesando em fazer novas músicas, preparar versons, publicar novos discos e videoclipes e sobretodo tocar ao vivo. Este verao temos alguns concertos polo país e umha saída a Portugal. E a ver se para o ano gravamos algo novo.

7. Que sería preciso para que medrase o número de bandas que utilizasen o noso idioma?
Realmente estamos num momento estupendo para a música galega e em galego. Cada vez hai mais bandas de todos os estilos cantando en galego. Nestes momentos pode dar a impressom de que hai mais normalidade lingüística no mundo musical que na sociedade. Mas, como comentávades antes, é importante que os meios apoiem a música do país, toda a base musical que é enorme, e nom só aos que tenhem mais sucesso (que também tenhem que ser apoiados, logicamente). 

8. Queredes acrecentar máis algunha cousa?
Obrigado por terdes-vos lembrado de nós. É um prazer apoiar a vossa iniciativa. Muita força!

 

Comentarios

Publicacións populares