Concerto de Zënzar no noso centro en setembro

Queridas lectoras/es, xa podemos confirmar a actuación da banda Zënzar no noso centro. Presentarán o seu concerto: "Música e Lingua. Repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nela". Realizarán un percorrido pola historia da música contemporánea galega cantada en galego e buscarán a participación e diálogo co público asistente, desde precursores coma Andrés do Barro nos 70 ou os Resentidos nos 80 (pioneiros en mesturar o son da gaita co rock en galego) ata bandas en activo máis recentes, coma Ortiga, Tanxugueiras, High Paw, Dios Ke Te Crew ou Laura Lamontagne. 


 Para tratar a presencia e a importancia (non sempre recoñecida) das mulleres no panorama musical galego, falarán do proxecto Músicas Galegas Ilustradas e das actividades realizadas dentro del (a análise da paridade en festivais galegos, a publicación Ferreñas & Rock and Roll, etc) para entender o papel das mulleres na música e cultura galegas.

 Zënzar leva agora 31 anos sobre os escenarios galegos e 8 discos publicados (mais dúas maquetas). Os de Cerceda comezan o 2020 cun novo traballo discográfico, Benvidas ó futuro, o décimo da súa historia se temos en conta as dúas primeiras maquetas. Este novo disco ten novidades que o diferencian dos anteriores. Con Roi Gil, técnico de directo e o sexto zënzar, ós mandos técnicos da gravación por primeira vez, conseguen unha potencia similar á dos directos. Ademais, todo o proceso de creación tivo lugar no local de ensaio, recentemente mellorado e equipado. Tamén se trata do primeiro con Laura ó baixo, que tamén se encarga do traballo de deseño (é ilustradora profesional). Por primeira vez na historia de Zënzar, un disco é composto, gravado e deseñado unicamente por membros da banda.

Benvidas ó futuro é un disco que mira ó pasado (facendo alusión ó primeiro disco da banda, Disparados ó futuro, lanzado no 1997) pero sobre todo ó momento presente. Apostando polos directos enérxicos e guitarreiros habituais, Zënzar pon voz e música ós problemas persistentes na Galicia do século XXI, como é a eucaliptización do territorio, as políticas do espolio, as loitas das labregas e dos labregos, a historia das mulleres do rural ou a contaminación. Sen esquecerse de mencionar as redes sociais e as novas formas de relacionarnos que trouxo o progreso tecnolóxico, un futuro que agora non parece tan bonito como nolo pintaban.

Debido á irrupción do estado de alarma pola crise sanitaria en marzo, a xira de presentación do disco viuse aprazada, retomando os directos segundo o estado da pandemia o permita.

Comentarios

Publicacións populares