Fundamentación pedagóxica do proxecto

 

Musigaliza-te é un proxecto de aprendizaxe-servizo orientado, global e interdisciplinariamente, aos diversos axentes da comunidade educativa do noso CPI (alumnado, profesorado, familias e persoal da administración e servizos) para contribuír positivamente á normalización da lingua galega e á dinamización socio-cultural a través do estudo e difusión do patrimonio musical galego.

A aprendizaxe-servizo (Centro Promotor de Aps, 2010)  permítenos combinar procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun só proxecto integral no que o alumnado atravesa un proceso formativo para afrontar un problema social co fin de melloralo. Neste caso, a necesidade detectada –mediante enquisa en liña- fai referencia ao descoñecemento por parte da nosa comunidade educativa da produción musical en galego. A nosa comunidade educativa escoita maioritariamente música en lingua castelá, nomeadamente o 61,5%, mentres que só un 7,7 % o fai en lingua galega. Por outra parte a comunidade educativa detecta “pouca presenza da lingua galega” na música utilizada nas festas escolares, tendo o noso centro un papel reprodutivo na distribución diglósica dos usos musicais (Bourdieu e Passeron, 1970). En positivo, o 71,8 % do alumnado aprende música fóra do centro educativo, sendo a lingua galega maioritaria nas asociacións culturais, escolas de música e na familia, mentres que é minoritaria a súa presenza no conservatorio. Alén disto, a maior parte das artistas galegas/os son coñecidas/os e o 42,5% da comunidade educativa foi a mais de cinco concertos en lingua galega.

Os datos obtidos son parcialmente coherentes con aqueles rexistrados en mostras máis amplas de estudantes, como a desenvolvida por Maseda et al. (2021), na que sinala -para un total de mil alumnas/os- que o 80% nunca, ou case nunca, escoita música en galego. Alén disto, un 50% confesa no ter asistido a un concerto en lingua galega e un 40% dos discentes enquisados non coñece ningunha banda ou artista que utilice a lingua galega. Do mesmo modo, Álvarez (2017) sinala na investigación sobre prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galiza que debido ao baixo nivel de identificación das adolescentes coa música galega, é preciso “a incentivación, promoción e difusión da creación musical en galego” (p. 118).

A finalidade central do proxecto é mellorar a proxección da música galega na nosa comunidade educativa, en colaboración con entidades asociativas, servindo de ferramenta para a dinamización social e cultural, mais tamén para a mellora das competencias lingüísticas e cívicas do alumnado. Deste modo, xeramos un proxecto circular virtuoso (Batlle, 2018) no que a aprendizaxe, por unha banda, achega calidade ao servizo que se presta e, pola outra, o servizo outorga sentido á aprendizaxe facendo que o talento do alumnado se encamiñe cara o compromiso social e o exercicio dunha cidadanía crítica na defensa dos seus dereitos lingüísticos e culturais. Na mesma liña, Romero et al. (2021) certifican a potencialidade da aprendizaxe-servizo, a partir dunha perspectiva ecolingüística, ao facilitar a implicación dos adolescentes nunha tarefa colectiva orientada á “preservación da riqueza cultural e lingüística desenvolvendo proxectos nos que eles mesmos participen e exerzan un papel de difusión no grupo social ao que pertencen” (p. 27).

A iniciativa é debedora das recomendacións internacionais da UNESCO (Delors, 1996) ao facilitar experiencias de aprendizaxe que permitan desenvolver as capacidades de aprender a ser, saber, facer e convivir. Nesta liña, en coherencia coas achegas do Consello da Unión Europea e coa Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, pola que se modifica a Lei 2/2006, de 3 de maio, de Educación, a focaxe competencial vertebra o deseño, implementación e avaliación do proxecto. As tres fases indicadas esixen dunha participación activa e democrática dos diferentes actores da comunidade educativa, partindo dunha concepción holística, inclusiva e comprometida da educación (Freire, 2018). Neste sentido, o traballo en rede realizado polas persoas participantes representa un camiño de grande interese para a promoción da ética do coidado (Murray, 2013), así como do desenvolvemento da competencia en conciencia e expresión culturais e da competencia en comunicación lingüística.

En último lugar, cómpre salientar a importancia das Institucións Educativas na necesaria elevación do status e poder simbólico das linguas minorizadas, neste caso do galego, para a súa plena normalización social. Neste sentido, o proxecto Musigaliza-te constitúe unha ferramenta pedagóxica e social para a divulgación -entre os membros da nosa comunidade educativa- dos valores da diversidade, o plurilingüismo inclusivo e a ecoloxía linguística e cultural, guiados pola vella e sempre renovada idea da Xeración Nós de continuarmos a ser Célula de Universalidade.

Santiago Quiroga García. Coordinador ENDL. 

Referencias documentais:

Álvarez, Rosario, coord. (2017). Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. Dispoñible en: http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4293 [Consultado 05/01/2023].

Batlle, R. (2018). Guía práctica de aprendizaje-servicio. Proyecto Social, 4-34.

Bourdieu e Passeron (1970). A reprodução. Elementos para uma teoria do sistema de ensino. São Paulo: Perspectiva.

Fernández Paz, A., Lorenzo Suárez, A., & Ramallo, F. (2008). A planificación lingüística nos centros educativos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.

Freire, P. (2018). Pedagoxía do Oprimido. Pontevedra: Kalandraka.

Maseda, M. et. Al. (2021). Ao Son da Nosa Música. Ao son das enquisas. Youtube. https://www.youtube.com/watch?v=bmz0aD2qE-0 [Consultado 10/01/2023].

Monteagudo, H., Loredo, X., Vazquez-Grandio, G., & Nandi, A. (2021). Prácticas Lingüísticas na Infancia: A Xestión Lingüística nos Primeiros Contextos de Socialización. Real Academia Galega, 10.

Romero, H. M., Gutiérrez, X. L., Valdivia, B. S., Sández, M. L., & Grandío, G. S. V. (2021). Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames. Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames.

 


Comentarios

Publicacións populares