Entrevistamos a Tecor Societario


 https://www.galiciaconfidencial.com/imgpipe/2023_1_17_112965s600x.jpg

Cando e como decidistes montar a banda?
Nós montamos Tecor Societário a finais do ano 2017. Comezamos Iago, que é o gaiteiro, e máis eu que toco a guitarra e canto. A partir dese núcleo fomos incluíndo amigos que vivían máis ou menos pola zona de Compostela. Actualmente somos 6 persoas. Iago (gaiteiro), Cipri (baixo), Roi (acordeón), Marcos (guitarra eléctrica), Ares (bateria) e Xabi (guitarra acústica e voz).

Que influencias musicais tedes?
Por unha banda, estamos influídos polas bandas internacionais que se denominan celtic punk coma The Pogues, Dropkick Murphys ou Flogging Molly. Por outra banda, partimos dos traballos das múltiples bandas galegas que apostaron por mesturar o punk con elementos da música tradicional, tales como Motor Perkins, Ruxe Ruxe, Falperrys ou Bastards on Parade.

Que representa a lingua galega nas vosas cancións?
O galego é a nosa canle de comunicación. Non nos imaxinamos cantando noutro idioma. Alén diso, consideramos que cantar en galego é un acto de liberdade fronte a imposición do español, que sufrimos en distintos ámbitos dentro da nosa vida diaria. 

Os medios deberían divulgar máis a música en galego? 

Pois si, ou iso ou renunciar ao diñeiro que cobran por promocionar a nosa lingua.

Como foi a experiencia de publicar o voso último traballo?
Un pouco estraña. O disco (Caça Maior) foi sacado no medio das restricións Covid e tivemos que esperar bastantes meses para poder presentalo ao vivo.

Tedes algún proxecto para o futuro?
Pois si, a finais do ano 2023 imos sacar un disco novo de longa duración. Algúns dos temas xa saíron en forma de adiantos e poden escoitarse en aberto en todas as plataformas dixitais.


 

Sería preciso que aumentasen o número de bandas que utilizasen o noso idioma?
Desde logo sería unha boa nova. Con todo, cremos que estamos nun bo momento. Polo que respecta ao punk rock o galego está moi normalizado. Noutros estilos quizais menos mais iso é responsabilidade de cada músico.

Algo a engadir
Máis nada pola nosa parte. Só agradecer o voso traballo por difundir a música da Galiza. Apertas tecorian

Comentarios

Publicacións populares