Entrevistamos a Grilo


https://www.lavozdegalicia.es/default/2022/11/15/00121668508382500967977/Foto/ON16C8F1_1.jpg

Cando e como decidistes montar a banda?
Grilo formouse no ano 2018 logo de que nós os tres tivésemos xa proxectos anteriores. Adri e máis eu (Alberte) xa coincidíramos noutro grupo, e xunto con Miguel decidimos montar un grupo novo e compoñer cancións novas que nos enchesen e en galego. Sen ningún tipo de pretensión máis que facer música nova e ensinala en directo.


Que influencias musicais tedes?
Temos moitas influencias provenientes do rock e o metal en inglés fundamentalmente. Exemplos poden ser grupos como Rage Against The Machine, os Foo Fighters, Nirvana ou Soundgarden, que comparten entre si o feito de empregar sons propios da década de 1990. A nivel estatal tamén existen grupos como Berri Txarrak, ou no marco galego, no que tamén existen multitude de grupos que fan ou facían rock e metal, como poden ser Nao, Machina, Ruxe Ruxe, etc.


Que representa a língua galega nas vosas cancións?
O feito de decidirmos facer música en galego non é casual. No país no que vivimos, cantar na nosa lingua é unha reivindicación en si mesma. Independentemente da temática das letras, sendo o galego unha lingua minorizada, é necesario que empreguemos a lingua galega en todos os ámbitos posíbeis, desde a nosa vida diaria até series ou películas, e iso inclúe a música, tamén en todos os estilos.
 

Fixemos unha investigación sobre a presenza da música en galego na Radio Galega Música e era marxinal. Os medios públicos deberían divulgala máis?
Sen dúbida. Porén, somos conscientes de que a actual directiva da CRTVG (a pesar de que moitos dos seus traballadores fan moito pola cultura galega tratando estes temas) ten a decisión tomada de non servir de altofalante para a gran maioría de proxectos de música en galego que están a xurdir polo país adiante. É certo que hai presenza, algunhas entrevistas e mesmo actuacións nalgún programa, pero para o potencial que ten o panorama musical galego, é moi testemuñal.


 

Como foi a experiencia de presentar o voso último traballo?
No ano 2022 presentamos dous sinxelos e videoclips. Para nós foi moi importante volver sacar música nova e permitiunos facer unha nova xira por unha serie de salas que nos quedaran pendentes na xira de presentación do noso primeiro disco.


Tedes algún novo proxecto para o futuro?
Xuntarnos e seguir facendo a música que nos gusta, exclusivamente por iso, e se alguén máis lle gusta, mellor que mellor. No último tempo estivemos experimentando co feito de gravarnos nós mesmos e producir nós as nosas cancións sen necesidade de acudir a un estudio de gravación.


Que sería preciso para que medrase o número de bandas que utilizasen o noso idioma?
Nos últimos tempos xa aumentaron os grupos que cantan en galego, e mesmo se demostra que numerosos proxectos que empregan a nosa lingua teñen moito éxito entre o público que chega a coñecelos. Eu penso que sería necesario que se ampliase o público chegando a un maior número de persoas. O exemplo das Tanxugueiras é clave, existen moitos máis proxectos que se fosen capaces de chegar ao gran público, ou mainstream, poderían funcionar moito mellor e difundir desta maneira a utilización do noso idioma entre o conxunto da poboación galega.


Queredes acrecentar máis algunha cousa?
Que moitas grazas por lembrarvos dunha banda de rock coma nós, que é un estilo que aínda que sempre se di que vai desaparecer, segue tendo un público fiel e que agardamos que vos gusten as nosas cancións. E tamén moitas grazas por facer un traballo sobre a música en galego que sirva para que o alumnado do voso colexio saiba que existen todos estes proxectos.

Comentarios

Publicacións populares